Mondoñedo

As raíces do poboamento en Mondoñedo hai que buscalas moi atrás na historia. Hai quen afirma que os primeiros poboadores destas terras foron os homes e mulleres do Paleolítico Superior fai uns 10.000 anos segundo os restos materiais e antropolóxicos que se teñen recuperado en covas como a do Rei Cintolo e Furada dos Cas, pero esta primeira data non se pode precisar con exactitude pois a distancia temporal é moi ampla e as investigacións, polo de agora, son poucas.Castro de Zoñan

Dende aquí ata o mundo megalítico non hai restos documentados e este apenas ten, polo momento, representación, agás unha mámoa nos montes da parroquia de Figuerias.

Xa máis adiante, o que si é incuestionable é que Mondoñedo está cheo de castros e neles as datas de asentamento son máis claras: dende época prerromana, século V a. C., en Mondoñedo hai poboacións estables.

Aquí, como non podía ser doutro xeito, tamén teñen chegado as lexións de Roma e con elas a romanización da zona. Esta darase dentro dos propios castros mindonienses e así aparecerá reflexado nos restos de cultura material e nas estruturas que se teñen recuperado en diversos puntos do concello, aínda que, por riba de todos, no Castro de Zoñán no que se están a facer traballos de escavación arqueolóxica dende hai anos.

A orixe do poboamento actual é, pois, o mundo dos castros, pero non as primeiras ocupacións prerromanas da Idade do Ferro senón os poboados romanizados que se abandonarán aló polo século V despois de Cristo e que irán formando pequenos núcleos dos que o de maior entidade será o actual Mondoñedo.

Para os primeiros séculos da Idade Media non hai moitas informacións que nos podan guiar. Si se pode afirmar que a zona tiña poboación, pero non será ata o século XII cando poidamos comezar a falar máis en firme de Mondoñedo.

Este século é importante para a nosa historia porque é cando o rei Afonso VII lle concede leis a Mondoñedo –o Foro de León- co que se constitúe en cidade e tamén lle outorga a celebración de mercados todos os comezos de mes e feiras unha vez ao ano a mediados de agosto (este é a orixe das actuais San Lucas) todo isto dentro dunha escritura de confirmación á igrexa mindoniense. Estamos no ano 1156.

Mondoñedo estivo vinculada ao bispado e como tal medrará con el, pero non sempre estivo aquí a sé episcopal. Si ben parece que nesas datas xa estaba fixada a mesma isto non será así pois aínda quedaba o derradeiro movemento. Será entre o 1182 e o 1224 no que a sé episcopal estará na vila de Ribadeo.

O século XIII será un século importante para Mondoñedo, posto que xa cun nivel urbano importante (xa contará con Alcaldes), conseguirase fixar definitivamente a sé episcopal en Mondoñedo e construirase a Catedral sobre un antigo mosteiro e igrexa adicada a Santa María. A consagración será en 1242, baixo o bispado de D. Martín.

Mondoñedo non é alleo á vida política do reino e así, no século seguinte, durante a minoría de idade do rei Afonso XI lévase a cabo a construción dunha muralla para protexer á cidade. O acordo para levantar a mesma faise entre o Bispo, o Cabido e o Concello asinándose o documento en 1320.

O século XV encerra dous fitos nefastos que permanecen na memoria popular durante abondoso tempo. O primeiro foi un gran incendio no ano 1425 que destrúe a maior parte da cidade e que causará bastante conmoción entre a poboación e autoridades e o segundo foi o axustizamento do Marichal Pedro Pardo de Cela en 1483.

Con todo Mondoñedo durante estes e os seguintes séculos segue a medrar favorecido por ser a sé episcopal e por ser cabeceira da provincia de Mondoñedo, unha das sete provincias históricas nas que se dividiu Galicia.

Este crecemento vese reflexado, sobre todo, no pouco tempo que se tarda en superar o perímetro marcado pola muralla que cerra a cidade dende o século XIV. Agora, de xeito imparable, a vida urbana vai tomando protagonismo ao lado do poder do bispo e sen saírse fóra del.

Un feito importante é o acordo por parte do Concello de mercar unha casa para Consistorio no ano 1565, posto que ata ese momento as reunións facíanse dentro da Catedral, na sala dos Cabaleiros.

Pero xunto con esta decisión tamén se acordará, en 1573, solicitar a creación dunha escola Tridentina (un Seminario) que será o xerme do actual.

Si ben durante esta época Mondoñedo foi medrando e no mesmo fóronse construíndo diversos edificios senlleiros, será no século XVIII cando teña lugar un importante “boom” urbanístico que configurará a rede monumental actual.

É o momento das últimas grandes reformas na Catedral coa construción de dúas novas torres, fanse reformas no Bispado, constrúese un edificio de nova planta para albergar ao Seminario, unifícanse os dous hospitais da cidade nun único edificio que se erixe agora (Hospital de San Paulo e San Lázaro), constrúese o Convento das Concepcionistas, o Pazo que albergará ao Rexemento Provincial, etc.

Un gran momento de crecemento e de expansión de Mondoñedo que non se verá continuado no século seguinte.

O XIX foi un século no que Mondoñedo se viu loitando na Guerra de Independencia contra os franceses e viu como o Seminario se convertía, durante uns meses, en forte do xeneral bonapartino Founier durante a ocupación.

E tras desto, o que vai ser o feito que marcará a Mondoñedo neste século, a perda da provincia. En 1833 coa reforma liberal no goberno de Madrid dividirase a Galicia nas actuais catro provincias e Mondoñedo, a pesar dos intentos por mantela, perderá a súa en favor, principalmente, de Lugo.

Como é obvio, este feito trouxo repercusións socio – económicas co descenso demográfico e coa perda de peso político en España. Pero, pola contra, houbo un maior florecemento da cultura e dos persoeiros vencellados á mesma. Músicos como José Pacheco e Pascual Veiga e literatos como Leiras Pulpeiro, Noriega Varela e, por suposto, Álvaro Cunqueiro son os seus máximos referentes.

Hoxe Mondoñedo é unha fermosa cidade que une tradición e modernidade reunindo nunha vila do século XXI un importantísimo patrimonio monumental que fixo que se declarase Conxunto Histórico – Artístico en 1985 e que da conta da súa grandeza e importancia dentro da nosa Historia.

(Texto de Abel Vigo García)

 

 

Logo de la Xunta de Galicia